A ‘Pereka’ consegue a seu quinto trofeo da Copa Mörling

A dorna ‘Pereka’ revalidou en Combarro o título de campioa galega tras disputarse cinco regatas que levaron ás dornas en competición polos portos de Portonovo, A Illa, Cambados, O Grove e, finalmente, Combarro. A vitoria da embarcación de José Dorado e Alberto Vicente ‘Chica’ onte na Regata da Reiboa permitiulle tomar a diferenza suficiente coas súas grandes perseguidoras na clasificación xeral, ‘Jalerna’ e
‘Fungona’, nunha proba que tivo que aprazar a súa saída pola falta de vento pero que no transcurso do percorrido obrigou ás embarcacións participantes a afinar moito a súa navegación para afrontar un vento sur suroeste con rachas de até 18 nós.

Tras unha primeira volta moi igualada entre Combarro, a illa de Tambo e Campelo, a dorna ‘Pereka’, da ACD Dorna da Illa, foi tomando a distancia definitiva coa ‘Jalerna’, tripulada por Ricardo e Manuel Dios, dos Dorneiros Regateiros de Cambados, e acabou gañando con autoridade a regata. Dezaoito dornas participaron nesta última proba e 39 na quinta edición do campionato galego de dornas a vela. O terceiro posto na clasificación xeral da Mörling é para a ‘Nécora’, de Braulio García e Adelino Santamaría, tamén dos Dorneiros Regateiros. A cuarta e quinta posición ocupárona a ‘Xarandeira’ (Asociación Fasquía da Illa) e ‘Abuelo Tucho’ (Club Mariño Salnés), respectivamente.

No acto de clausura da Copa Mörling estivo presente a presidenta de Portos de Galicia. Natalia Botana Rey afirmou que as regatas de dornas a vela representan “a ponte perfecta entre a náutica deportiva e a nosa tradición mariñeira”, sendo un “elemento diferenciador e de identidade nos portos galegos”. Pola súa banda, o alcalde de Poio, Ángel Moldes Martínez, destacou os 30 anos de historia da Festa do Mar de Combarro e o a xuntanza de embarcacións tradicionais que organiza o Club Mariño A Reiboa.

A presidenta de Culturmar, entidade organizadora deste campionato, afirmou que as dornas son un “símbolo vivo da nosa identidade”. “Cada vez que unha dorna desprega unha vela, estamos honrando o legado dos nosos devanceiros e asegurando o futuro da nosa cultura marítima”, engadiu. Mónica Leiro Búa pediu o apoio das administracións, en especial a de Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, para “poder seguir navegado con rumbo firme”. Lembrou que “os nosos portos non só son peiraos de formigón. Son refuxios da nosa frota e os custodios da nosa tradición viva”. A presidenta de Culturmar compraceuse da cada vez maior participación de mulleres e xente nova neste campionato galego de dornas.

A Copa Mörling arrancou o 13 de xuño en Portonovo, coa Regata do Sepelo. Unha semana máis tarde, celebrouse en Cambados a Regata do Salnés. O Triángulo do Cantiño, na Illa de Arousa, pechou as probas do mes de xuño. O 4 de xullo, disputouse no Grove a Regata dos Faros e onte sábado, tivo lugar a derradeira proba desta quinta edición.

A Copa Mörling é unha proba que naceu como mostra de agradecemento á labor realizada polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas. O campionato é unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga.