A ‘Pereka’ revalida o título como campioa da Copa Mörling

Por segundo ano consecutivo, a ‘Pereka’, tripulada por José Antonio Dorado e Alberto Vicente, fíxose co primeiro posto da Copa Mörling de dornas a vela. A última das probas, decisiva para coñecer os primeiros postos da clasificación final do campionato galego, tivo lugar en Bouzas (Vigo), na Regata Cabo de Mar, unha proba de fondo que concentrou a 17 embarcacións, con máis de 8 millas de percorrido de ida e volta entre o peirao de Bouzas e a illa de Toralla.

O segundo posto da clasificación xeral da Copa Mörling foi para a dorna cambadesa ‘Abuelo Tucho’, tripulada por Álvaro Vidal e Ángel Iván Agra. Os terceiros foron Braulio García e Jarri Dios como patrón e teste da dorna arousá ‘Nécora’.

Nesta segunda edición do campionato galego de dornas a vela participaron case 50 embarcacións disputando seis regatas nos portos de Portonovo, Cambados, A Illa, O Grove, Combarro e Bouzas, entre o 17 de xuño e o pasado 9 de setembro. A entidade organizadora deste circuíto de regatas é a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar). Pablo Carrera, membro da directiva, destacou a importancia da Copa para homenaxear e lembrar o traballo do antropólogo sueco Staffan Mörling no estudo e salvagarda da tradición galega de embarcacións tradicionais.

Dorado e Vicente, patrón e teste da ‘Pereka’, respectivamente, mostráronse felices polo triunfo e recoñeceron as dificultades desta segunda edición para revalidar a vitoria final. “O ano pasado a última regata non era decisiva. Nesta chegamos con só un punto de diferenza e houbo que gañar hoxe para ter o título”, afirma José Antonio Dorado.

Carrera agradeceu o apoio institucional da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, favorecendo a celebración das regatas. Na entrega de premios estiveron presentes en Bouzas representantes de ambas as dúas institucións: Ana Ortiz como delegada da Xunta en Vigo e Marta Fernández-Tapias Núñez como vicepresidenta da Deputación pontevedresa e deputada de Cultura e Deportes.

REGATA CABO DE MAR

O primeiro posto da ‘Pereka’ na Regata Cabo de Mar, organizada pola Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas, foi decisivo para facerse co título de gañadora da Copa Mörling. O segundo posto na proba de Bouzas foi para a dorna ‘Nécora’ e o terceiro, para a ‘Xarandeira’.

Na entrega de premios, ademais das autoridades, tivo un papel protagonista a familia Mörling. Despois de que o seu fillo Lorenzo participase en dúas regatas desta edición, o acto contou coa presenza da viúva do antropólogo sueco, Chefa Otero, dunha das netas, Charlotte Mörling, e mesmo do seu primeiro bisneto, que leva o nome do ilustre investigador, Staffan.

Galeria de imaxes