
O Faro de Vigo ven de publicar un interesante artigo sobre a situación da Nova Marina, lancha xeiteira única no seu xénero e con unha historia singular como ningunha; pois é a réplica da Marina, embarcación cuxo pecio foi encontrado en 1993 cando esta tipoloxía xa desaparecera por completo, salvándoa así dun esquecemento asegurado.
Aquela valiosísima actuación en defensa do noso patrimonio marítimo, financiada na altura pola Xunta, mantense hoxe en plena xuventude grazas ao traballo incansable da Asociación Cultural Dorna, da Illa de Arousa, e moi especialmente de Sara, a súa abnegada coidadora.
Grazas a ela, e ao resto do colectivo, podemos seguir desfrutando deste navío senlleiro, ao que esperamos poder contemplar de perto no 15 Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Desde aquí, enviámoslles o noso máis sincero recoñecemento e gratitude.
Pola contra, semella que as administracións que no seu día obraron o milagre de recuperar unha tipoloxía xa desaparecida non mostran hoxe o mesmo interese en conservala, circunstancia que desde Dorna lamentan.