A V Copa Mörling de Dornas a Vela arranca este sábado en Portonovo coa Regata do Sepelo

A Copa Mörling de Dornas a Vela celebra este ano o seu primeiro lustro de vida cun circuíto de regatas en 5 vilas das Rías Baixas. A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) organiza por quinto ano consecutivo este campionato, que arrancará o vindeiro sábado 13 de xuño en Portonovo (Sanxenxo), coa Regata do Sepelo. O calendario continuará durante todo verán. Deste xeito, haberá probas en Cambados (Regata do Salnés, 20 de xuño); na Illa da Arousa (Triángulo do Cantiño, 27 de xuño): no Grove (Regata dos Faros, 4 de xullo); e finalizará o 22 de agosto en Combarro (Poio), coa Regata da Reiboa.

Precisamente en Poio foi onde se celebrou esta tarde a presentación da V Copa Mörling. Marcos Buide Pollán, membro da directiva de Culturmar encargado da coordinación deste campionato, puxo en valor o traballo que desde o principio realizan as asociacións por “impulsar o coñecemento da dorna nun gran labor de divulgación a nivel provincial e autonómico”. Ao seu entender, son os colectivos os “verdadeiros fornecedores das regatas e nós, Culturmar, só somos quen lles damos acubillo e axudamos na organización”.

A Copa Mörling é unha proba que naceu como mostra de agradecemento á labor realizada polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas. Arredor de 50 dornas e un cento de tripulantes veñen participando cada ano neste campionato, cunha media de 25 embarcacións en cada unha das regatas. Marcos Buide explica que esta participación tan activa é unha forma de “manter estas embarcacións en perfecto estado de revista”.

Na presentación estivo presente o alcalde de Poio, Ángel Moldes Martínez, localidade onde este ano se celebrará a última das regatas desta quinta edición e o acto de clausura da Copa coa entrega de premios. O rexidor local felicitou ás asociacións que conforman Culturmar polo “traballo a prol da tradición e da cultura mariñeira” e asegurou que a navegación a vela das dornas é unha das “estampas máis fermosas” que se poden ver durante o verán nas Rías Baixas.

A presidenta de Culturmar, Mónica Leiro Búa, aproveitou a súa intervención para agradecer a colectivos, dorneiros/as e administracións a axuda e o esforzo realizados para sacar adiante este campionato de dornas a vela. Ao seu entender, o feito de alcanzar a quinta edición “é unha demostración de que se trata dun campionato xa consolidado no que cada ano aumenta o número de participantes”. A presidenta destaca que este circuíto de regatas é a “expresión máxima de competitividade e deportividade”.

As regatas de dornas a vela, lonxe de ser unha mera competición deportiva, son unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga. Co obxectivo de promover e estimular a participación neste tipo de eventos, Culturmar conseguiu en 2022 unificar catro regatas de dornas a vela que xa existían en Galicia (Portonovo, Cambados, O Grove e A Illa de Arousa) e engadiu unha nova, a de Combarro, para crear a ‘Copa Mörling’.

A ‘Copa Mörling’ ten un sistema de puntuación para estimular a participación das dornas. Ao final desta competición, faise entrega dun trofeo para as embarcacións que queden nas tres primeiras posicións no cómputo xeral. Ao finalizar cada regata, as asociacións anfitrioas organizan unha xornada de convivencia para as tripulacións e as persoas participantes.

Os colectivos que apoian a Culturmar na organización desta quinta edición do campionato son a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo; a Asociación A Torre de Cambados; a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa; a Asociación de Amigos da Dorna Meca do Grove; e o Clube Mariño A Reiboa de Combarro.