Foi un día de festa no Grove. Convocados pola Asociación de Amigos da Dorna Meca, trinta e dúas dornas do país saíron ao mar para disputar a terceira proba puntuable da Copa Mörling 2024.
Ás catro e media da tarde as condicíons eran óptimas á hora da saída, despois de que o vento andara ás revoltas durante toda a mañá do sábado (27 de xullo).
Circuíto longo e unha soa volta, cos faros do sur da Ría da Arousa como referencia en todo o percorrido. Saída a un través coa frota en grupo compacto buscando o sotavento da baliza do Ariño con vento nor-noroeste naquela altura. Á cabeza xa se poñía por ese paso a dorna Fuxe de Manolo e Brais Parada, co resto das embarcacións moi preto e preparadas para afrontar a primeira dunha intensa xeira de bolinadas.
O seguinte fito do plan de regata marcaba a virada ao faro do Pragueiro, na canle da ría e con paso obrigado entre os faros da Lobeira e o do Sinás. O grupo compacto da saída rachou e toda a frota comezou a esparexer entre bateas, cadaquén co seu rumbo e cos seus repeniques a cinguir.
Na opción contra a Illa da Arousa métense os grandes favoritos da regata: Fuxe, Jalerna, Xarandeira e Nécora que semellan coller a mellor proa de todos, quedando descolgada a Pereka. Tras deixar a posta das Lobeiras coa luz por estribor, as dornas da cabeza enfían con brío a virada no Pragueiro, aproveitando a rolada do vento, basculante entre o nor-noreoeste da partida e até o suroeste no último terzo da regata.
Moi axustado o paso polo Pragueiro, con Fuxe e Xarandeira ao límite de tocar no faro. Jalerna e Nécora ao asexo e, por detrás, como quen non quere a cousa, avanzaba a Lilaina, que acabou sendo a gran sorpresa da xornada cunha patroa de moito futuro ao leme, a Mariña Alonso.
A regata ía nun pano de man na virada de barlovento. Fuxe pasa primeira no Pragueiro e a Lilaina, despois dunha excelente revolteada, colle o segundo posto no paso. Por detrás outro dó a cara de can entre Jalerna e Xarandeira. A Pereka viña remontando dende atrás con moito xenio, mais xa tiña complicado achegarse ás tres primeiras prazas do podio. A clasificación xeral da Mörling comezaba a abanearse nos postos altos e o dominio dos Dorado e Chica quedaba exposto.
A última rega da regata, co vento a devalar, foi un paseo morniño das dornas da cabeza disputando o seu particular partido de dobres sobre o tapiz mariño da ría. Costado contra costado, Fuxe e Lilaina. A dorna da Illa, con Tino e Mariña Alonso, semellaba ter as de gañar ao seren máis lixeira ca Fuxe, pero entroques nun derradeito sprint serían os do Grove os que gañaban na casa e poñían a cen a clasificación do campionato galego de dornas a vela.
A Lilaina entrou segunda e o outro do particular Jalerna-Xarandeira acabou resolto en favor dos ‘jalernos’, Ricardo e Manbuel Dios, sobre unha Xarandeira de Santi Mougán e Ángel Iglesias que estivo en todo momento, ras con ras, dando a batalla por facerse cun dos tres primeiro postos da 35 regata dos Faros.
Á Copa Mörling quédanlle agora dúas probas emocionantes por diante: o 24 de agosto en Combarro e o 31, na Illa. Máis emoción, imposible!