Mañán 19 de novembro ás 20:30 h Xose Lois Vilar, subdirector do IEM, dará a conferencia “Aceite, madeira e boinas. A talasonimia e naufraxios na costa galega” na libraría Andel (Avda. das Camelias, 102, Vigo). A entrada é libre ata completar prazas.
“Aceite, madeira e boinas”, é unha triloxía que xurde da memoria dos naufraxios na costa galega. Á vez tamén é o título dunha investigación que o arqueólogo e especialista en toponimia, Xosé Lois Vilar leva desenvolvendo dende hai máis dunha década por toda a costa do país. Froito do estudo da cartografía e documentación histórica, mais sobre todo das centos de entrevistas a mariñeiros e habitantes da ribeira atlántica, o faladoiro afonda na pegada na memoria colectiva das ducias de naufraxios no mar de Galicia.
A publicación do libro Talasonimia da costa sur de Galicia (IEM, 2008) recolleu parte desta investigación no referente á parte máis meridional do país. En “Aceite, madeira e boinas. A talasonimia e naufraxios na costa galega”, Vilar dá un adianto das súas novas pescudas que abrangue outras zonas e casos non contemplados na obra citada.