A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, celebrou onte en Cambados unha asemblea xeral onde se debateron dous importantes puntos. Por unha banda, a elección da sede do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG), que se celebrará en 2027. Por outra, a renovación da xunta directiva.
No tocante ao primeiro punto, os socios e socias de Culturmar apoiaron por unanimidade a proposta da asociación de cultura marítima Talameira de que Ribadeo acolla en xullo de 2027 o XVIII EETG. O colectivo forma parte do Real Club Náutico de Ribadeo, cuxo presidente, Pablo Fernández Ferreyra, estivo onte en Cambados.
Fernández Ferreyra explicou que a proposta de Talameira está pendente de algúns trámites. En primeiro lugar, o Concello de Ribadeo deberá aprobar, por unanimidade, a proposta. Ademais, tamén terá que haber un acordo coa Deputación de Lugo para asegurar o correcto desenvolvemento dun evento da magnitude e relevancia do EETG. Segundo o presidente da asociación ribadense, “é unha iniciativa que nos ilusiona e contades coa nosa total disposición para presentar o antes posible un proxecto sólido co os avais precisos. Non teño dúbida de que será unha experiencia moi boa”.
O até onte presidente de Culturmar, Pepe Sacau, afirmou que a celebración do Encontro en Ribadeo é “todo un reto que nos dará a oportunidade de coñecer máis a fondo a mariña luguesa e o Cantábrico”. Sacau explicou que celebrar o evento “na outra punta de Galicia ten un atractivo especial” e é unha “nova aventura” semellante á que xa fora asumida no ano 2019 coa organización do Encontro na Guarda.
O Encontro, que comezou a celebrarse no ano 1993, é un evento que se organiza cada dous anos. Trátase dunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer, conferencias, exposicións, publicacións, música e danza, artesanía, etc. A última edición celebrouse en 2025 en Ribeira.
Nova Xunta Directiva
Outro dos acordos da asemblea de onte en Cambados foi a renovación da súa Xunta Directiva. A principal novidade é que, por primeira vez na súa historia, unha muller preside a Federación. Trátase de Mónica Leiro Búa, membro da Asociación A Fasquía da Illa de Arousa, que estará acompañada por outras dúas mulleres en postos de responsabilidade. María José “Jojó” García Campo, da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, de Sada, é a nova vicepresidenta; e Iria Fernández Delgado, a tesoureira.

A xunta directiva completarana Marcos Buide Pollán, da Asociación Lajareu por Barlovento de Ribeira, como secretario; e tres vogais: Alberto Martínez Pintos (Asociación Terra de Outes), Santiago Mougán Rodríguez (A Fasquía da Illa) e Juan Miguel “Indio” Vivanco Criado (Os Patexeiros).