Esta semana arrinca un ciclo de travesías marítimas por ría de Vigo que ten por obxectivo difundir o legado das cantigas do trobador medieval Martín Códax e que serve como complemento á mostra ‘Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas’, que se exhibe desde o pasado 10 de outubro no Museo do Mar de Galicia.
A iniciativa está organizada pola Consellería de Cultura baixo o título de ‘Ondas do mar de Vigo’, o título do verso co que dá comezo a primeira parte das sete cantigas de amigo que conforman o Pergamiño Vindel.
A primeira das oito travesías programadas será o vindeiro sábado 28 de outubro. As viaxes repetiranse os sábados e os domingos dos seguintes tres fins de semana con saída desde o porto do Museo do Mar de Galicia.
O traxecto terá unha duración aproximada de tres horas e repasará o enclave que inspirou os versos do trobador medieval: ría de Vigo e a súa contorna.
Tras partir do Museo do Mar, a embarcación percorrerá a ensenada de San Simón, o estreito e a ponte de Rande, o Museo Meirande e a illa de San Simón.