O pasado día 6 de febreiro presentouse a campaña promocional da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira. Entre outros elementos está formada por un video corporativo, un spot publicitario, e o web da Asociación, do que xa dimos noticia anteriormente.
O spot podedes velo no web de AGALCARI, onde tamén atoparedes, dentro da sección Noticias interesantes documentos como un estudio sobre necesidades de formación do sector, un estudio sectorial feito no 2006 polo CETMAR, ou o texto das conferencias da xornada Un mar de madeira, que tivo lugar o pasado outubro no Club Náutico de San Vicente.
AGALCARI está conseguindo avances na defensa da actividade da carpintería de ribeira, como a elaboración dun novo regulamento de construción naval en madeira que actualice o vixente, ou a iniciativa para lograr unha denominación de orixe para o sector.
No último número da revista Obradoiro de artesanía (10 Mb) publícase unha entrevista con Xerardo Triñanes, presidente da Asociación, onde fai un repaso a estas cuestións e a situación do sector.