O vindeiro xoves 11 de setembro ás 20:30 h Rafael Lema vai presentar no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira o seu novo libro Catálogo de naufragios. Costa da Morte-Galicia, que é a continuación do seu anterior libro Costa da Morte, un pais de sueños y naufragios
Esta obra ten dúas grandes partes: por un lado un conxunto de capítulos, pequenas crónicas, sobre variados aspectos do mar. E por outro lado un catálogo de naufraxios, con datos sobre 1800 naufraxios sucedidos na costa galega en todos os tempos.
A primeira parte do libro é un tesouro de datos e historias do noso mar, desde o paso da Invencible por Fisterra ou Muxía ata a guerra submarina das dúas guerras mundiais. Polo libro desfilan navegantes, piratas, corsarios, mariños mercantes, mariñeiros de Fisterra, etc. Destacan as crónicas sobre diferentes naufraxios, a presenza de submarinos alemáns na nosa costa ou a participación de armadores galegos na trata de escravos negros no século XIX.
A segunda parte do libro é o catálogo de naufraxios, arredor de 1800, onde se recollen datos de todo tipo de naufraxios de toda a costa galega, desde o século VI ata este ano 2014. Sempre que é posible danse datos do barco implicado, localización, e circunstancias do naufraxio. O libro remata cunha galería de fotos, moitas delas inéditas.
Este libro de 374 páxinas foi editado pola Deputación da Coruña nunha edición non venal e poderá conseguirse nos actos de presentación do mesmo.
Paga a pena achegarse á presentación do libro para conseguir un exemplar, pero sobre todo para oir a Rafael Lema, quen garda un tesouro de coñecemento sobre a nosa historia marítima.