A Xunta Directiva de Culturmar lamenta profundamente a situación creada en Noia arredor do acto de presentación da exposición itinerante “Pantoque” no Museo do Mar. Entendemos que o desencontro producido entre o Concello de Noia e a Asociación Mar de Noia, auténtico xérmolo e motor do Museo desde o seu nacemento, é algo que debe ser evitado baixo calquera perspectiva.
Mar de Noia demostrou ao longo de moitos anos o seu compromiso coa vila de Noia e co seu patrimonio marítimo. Durante este tempo a enorme colección de obxectos relacionados co mar que a asociación puxo a disposición de calquera que quixese vela foi un indubidable atractivo cultural para Noia, e arredor desta colección a asociación Mar de Noia xerou unha notable actividade sociocultural, á vez que lograron mobilizar a centos de persoas que colaboraron co seu traballo desinteresado a prol do patrimonio noiés.
A tenacidade de Mar de Noia, loitando por un museo do mar para Noia, foi a que levou a que hoxe en día exista un edificio para tal fin na vila. Certo é que o Concello e outros organismos mobilizaron recursos públicos para acadar ese fin pero sen o empuxe constante de Mar de Noia durante moitos anos, con gobernos municipais de distinto signo, o museo non sería hoxe unha realidade.
Independentemente de todos os requisitos necesarios para botar a andar o Museo do Mar de Noia, entendemos que o Concello debe contar coa Asociación Mar de Noia na xestión do Museo como un dos seus principais dinamizadores, non só polos fondos que atesoura Mar de Noia, suficientemente importantes para xustificar isto, senón por representar Mar de Noia a todas esas persoas que durante tanto tempo doaron os seus obxectos, e sobre todo o seu tempo e traballo, para que a súa vila tivese un motor para preservar a cultura mariñeira. Entendemos que o máis importante que Mar de Noia pode achegar á salvagarda do patrimonio marítimo noiés é a capacidade xa demostrada de mobilizar centos de persoas na defensa do noso patrimonio marítimo. Dispoñer nunha vila deste potencial humano é un absoluto luxo.
Facemos un chamamento para que se busquen vías para reconstruir a relación entre Concello e Mar de Noia e se fixen obxectivos comúns, cousa que con seguridade dará froitos aínda mellores que os xa acadados ata agora.