Crónica da XV Regata do Sepelo en Portonovo (1ª proba da Copa Mörling 2024)

A primeira regata da Copa Mörling celebrouse en Portonovo. Un total de 23 dornas participaron na XV Regata do Salnés. Tres dornas da Illa de Arousa se fixeron co podio: ‘Jalerna’, ‘Nécora’ e ‘Pereka’.

Portonovo– A cita era en Sanxenxo, aí botou a navegar este ano a Copa Mörling, o Campionato Galego de dornas a Vela, que chega á súa terceira edición. Coa organización dos Amigos da Dorna de Portonovo disputouse a XV Regata do Sepelo nunha tarde de vento lixeiro e con excelentes condicións para a navegación.

Vintetrés dornas saíron o mar para regatear nun campo con pequenas modificacións a respecto dos anos anteriores. Na saída, grupo compacto de todas as embarcacións buscando a baliza de barlovento ubicada ao norte da Punta Cepelo, na altura do illote de Papatimóns.

Entre a frota, dornas novas, madeiras restauradas e postas a lucir no mar como as da ‘Coninha’ dos Amigos da Dorna de Portonovo, con Xoel Otero e Alberto González a bordo, o que fai medrar a familia dorneira desta III Copa Mörling. Tamén a dorna ‘Josefa‘, estrenando gallardete da asociación viguesa Cabo do Mar con Higinio Pousa ao leme e Martín Domínguez de teste. Dende Vigo chegan aires novos e implicados na recuperación e o mantemento do noso patrimonio náutico.

Un impulso ao que non é alleo Manolo Parada, que recuperou nesta regata inaugural da Mörling na proba do Sepelo a parella co seu fillo Brais na ‘Fuxe‘. E sen faltar ao encontró outra saga familiar, esta volta pai e filla, que con devoción mariñeira non perden unha levando a ‘Lilaina‘; José Faustino Alonso e a súa brava tripulante Mariña.

Unha frota cinguindo rápido a barlovento na que colle lixeira vantaxe a ‘Jalerna‘ de Ricardo e Manuel Dios. Os illeiros protagonizaron o gran pulso da xornada coa ‘Pereka‘ de José Antonio Dorado e Chica, sen esquecer o papel da ‘Nécora‘ que se puxo á expectativa e acabou quitando tallada co segundo posto na regata.

Pasada a boia de barlovento os barcos enfían na empopada até a marca de sotavento fronte a Sanxenxo. Alí o paso das embarcacións confirma a vantaxe da ‘Jalerna’, que vira primeira, seguida da ‘Pereka’ e algo máis atrás ‘Nécora’.

Para a segunda cinguida a marcaxe entre ‘perekos’ e ‘jalernos’ foi das que fan afección. Vira para terra, vira para fóra … Os Dios non estaban dispostos a dar a máis mínima vantaxe a una dorna, a ‘Pereka’, sempre lixeira e rápida no mar.

A regata estaba a decidirse nesa bolina que remata co barco illeiro con nome de vento bravo e indomábel, a ‘Jalerna’, pasando primeira na virada. A ‘Pereka’ vai segunda e busca aproveitar o vento e a súa punta de velocidade na última popa do percorrido. Á expectativa, a ‘Nécora’ de Braulio García e Adelino Santamaría, e por detrás deles varios dos particularares e non poucas dornas a disfrutar tamén da xornada e dunha pracenteira tarde mareira.

Repítense as tres primeiras posicións no último paso por sotavento e a regata quedaba pendente agora dun través final no que o percorrido deseñado por Amigos da Dorna de Portonovo colocaba a liña de meta no mesmo porto, entre o peirao local e o espigón do náutico. Unha novidade na chegada que despistou a Jose Antonio Dorado, á cana da ‘Pereka’, e que acabou dando una vantaxe decisiva á ‘Jalerna’, que entrou primeira, máis non só iso se non que tamén provocou que a ‘Nécora’ gañara unha praza e se fixera cun meritorio segundo posto.

Así comeza esta Copa Mörling, con moito espectáculo no mar e una competencia costado contra costado para saber cal é a dorna máis veleira de 2024. De momento a ‘Pereka’, a defensora do dobre título -2022, 2023- cede na cabeza da xeral e seguro que agarda con devezo a revancha na vindeira proba do calendario: a Regata do Salnés, o 6 de xullo en Cambados.     

FOTOGRAFÍAS: Ollares de Portonovo