A Xunta de Galicia declarou a Utilidade Pública da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), entidade que leva máis de trinta anos loitando por preservar a riqueza patrimonial e etnográfica do mar e dos ríos galegos. Esta certificación é importante para Culturmar por varias razóns. Tal e como explica o seu presidente, Xosé Luis Sacau, en primeiro lugar “porque certifica, en certo modo, as boas prácticas”, tendo en conta que esta acreditación require de moita documentación, memorias de actividades de dous anos, xestión económica verificable e o logro duns obxectivos. Polo tanto, a Utilidade Pública representa que “se están facendo ben as cousas, non só por parte da directiva de Culturmar, senón por parte de todas as asociacións que conforman a Federación”, engade Sacau.
O debate sobre a solicitude desta declaración xa dera na directiva hai algúns anos, pero foi despois da pandemia pola COVID-19 cando se decidiu retomar a iniciativa. “Sabiamos que estabamos en condicións para dar o paso, consultámolo coa nosa asesoría e comezamos todo o proceso”, asegura o presidente da Federación. Para conseguir a Utilidade Pública presentáronse aló polo mes de marzo deste ano 2024 as memorias de 2022 e 2023, incluíndo todo o traballo feito no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Sada, a primeira e segunda edición da Copa Mörling de Dornas a Vela, e outras moitas actividades divulgativas do noso patrimonio marítimo e fluvial.
O feito de que Culturmar sexa xa unha entidade de Utilidade Pública declarada aporta, en palabras de Sacau, “un plus de solvencia”. Esta acreditación implica que “somos unha entidade que responde”, seguindo uns esixentes criterios burocráticos e de financiamento.
Ademais, do prestixio e do posicionamento que outorga, esta acreditación favorece tamén o contacto co sector privado, xa que na actualidade son as administracións públicas as que achegan a maior parte do financiamento de Culturmar. A partir de agora, será máis doado chegar a acordos con entidades e empresas privadas para obter financiamento sometido a deducións fiscais. Xosé Luis Sacau confía en que existan empresas que mostren o seu interese en crear alianzas con Culturmar para converterse tamén en promotores da cultura marítima e fluvial galega, xa que “manter unha frota tradicional non é sinxelo e é moi custoso” e as achegas en forma de subvencións non sempre son suficientes.
A declaración de utilidade pública é a medida de promoción e impulso máis importante das administracións públicas. Esta figura asociativa caracterízase por intervir nun ámbito considerado de interese xeral e por beneficiar, coa súa actuación desinteresada, á sociedade en xeral ou a un colectivo indeterminado de persoas.
Para que unha entidade poida ser declarada de utilidade pública debe cumprir cos seguintes requisitos:
- Que os seus fins estatutarios tendan a promover o interese xeral.
- Que a súa actividade non estea restrinxida exclusivamente a beneficiar ás persoas asociadas, senón aberta a calquera outra persoa beneficiaria que reúna as condicións e caracteres esixidos pola índole dos seus propios fins.
- Que os membros dos órganos de representación que perciban retribucións non o fagan con cargo a fondos ou subvencións públicas.
- Que conten con medios persoais e materiais adecuados e coa organización idónea para garantir o cumprimento dos fins estatutarios.
- Que se atopen constituídas, inscritas no rexistro correspondente, en funcionamento e dando cumprimento efectivo aos seus fins estatutarios, ininterrompidamente e concorrendo todos os precedentes requisitos, polo menos durante os dous anos inmediatamente anteriores á presentación da solicitude.