Galicia volverá ter representación propia no Pasaia Itsas Festibala, que se desenvolverá nesta vila guipuscoana do 14 ao 17 de maio. A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) é a encargada de organizar esta expedición, integrada por embarcacións tradicionais das distintas tipoloxías galegas. A delegación de Culturmar estará formada por 10 embarcacións e uns 50 membros de tripulacións, acompañados polo galeón ‘Evangelina’. Dornas, gamelas, choupáns e botes ultiman os seus preparativos para participar no acontecemento marítimo cultural de carácter internacional máis importante da costa vasca e converter a enseada de Pasaia nun auténtico espectáculo.
Até Pasaia mobilizaranse 10 dos colectivos pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo e fluvial integrados en Culturmar. O obxectivo da delegación galega vai máis aló da exhibición da frota e a navegación. Trátase de ofrecer ao público unha visión global da riqueza sociocultural e etnográfica de Galicia. A delegación galega encargarase de dar a coñecer en Euskadi a diversidade da cultura tradicional de Galicia máis ligada ao mar e aos ríos. E para iso, Culturmar, ademais de con barcos, estará en Pasaia con tres exposicións vencelladas ao noso patrimonio marítimo fluvial. Deste xeito, poderase visitar a mostra de fotografía ‘No centro do mar’, e dúas exposicións didácticas, ‘As embarcacións tradicionais do Mar Ártabro’ e ‘Traballos, travesías e ronseis’.
Durante os catro días de festival, as embarcacións de Culturmar participarán nas navegacións conxuntas pola baía de Pasaia, destacando o gran desfile inaugural que terá lugar o xoves 14 de maio ás 18:00 horas. Neste acto, a frota galega amosará a singularidade das nosas dornas, botes e outras tipoloxías recuperadas polas asociacións de base.
Estas son as embarcacións que viaxarán a vindeira semana para participar no Festival de Pasaia: ‘Virxe do Carme’ (dorna xeiteira da Cofradía da Dorna de Ribeira); ‘Lagarta’ (dorna polbeira da Asociación Desembarco Areoso); ‘Raqueiro’ (bote das Rías Altas da Asociación Mar de Muros); ‘Sobrada’ (dorna polbeira da Asociación Fasquía da Illa de Arousa); ‘Muxica’ (dorna polbeira dos Patexeiros de Sada); ‘Nova Esperanza’ (gamela de Cabo de Cruz da Asociación Gamela); ‘Coninha’ (dorna polbeira da Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo); ‘Iria’ (choupán do Grupo Cultural Ronsel); ‘Pindirucha’ e ‘Última’, dornas polbeira e cordeleira, respectivamente, do Clube Mariño Salnés.
Invitados de honra en 2018
O Festival Marítimo de Pasaia é unha festa creada en 2018 pola Asociación Albaola en colaboración co Concello guipuscoano. Trátase dun evento organizado a semellanza do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que Culturmar, desde 1993, organiza cada dous. A estreita colaboración entre ambas institucións vén de vello e propiciou que, na primeira edición do festival de Pasaia, Galicia asistise como invitada de honra. Co paso do tempo, son cada vez máis fortes os lazos de amizade entre Albaola e Culturmar, sendo constante e numerosa participación do colectivo guipuscoano nos Encontros de Embarcacións Tradicionais que se celebran en Galicia, o último, en Ribeira (2025).