Culturmar traslada a súa sede

Recentemente completamos a mudanza ás nosas novas instalacións no Polígono Industrial Sete Pías (Cambados). Nesta nova ubicación contaremos con un espazo máis amplo, con salas de usos múltiples, espazo para o noso sempre crecente arquivo e biblioteca e outros beneficios para o desenvolvemento das nosas actividades.

A mudanza foi posíbel grazas á inestimábel colaboración do Concello de Cambados, entidade propietaria das instalacións, que cedeu o seu uso a Culturmar como unha mostra máis do seu apoio permanente á cultura marítima e fluvial. Non queremos deixar pasar a oportunidade para manifestar o noso profundo agradecemento a esta institución e o noso desexo de continuar a fortalecer a cooperación entre a nosa federación e as administracións públicas.

Tamén queremos agradecer, de maneira moi especial, a colaboración das persoas voluntarias que acudiron ao noso chamado desde diversos colectivos federados para levar a cabo a mudanza. Máis unha vez, o traballo mancomunado dos nosos colectivos moveu montañas (de papel e mobles, neste caso).

A continuación colocamos o enderezo completo, xunto aos medios de contacto habituais.

Culturmar
Pol. Ind. Sete Pías, Rúa Maruja Mallo, 13 – 1º andar
36635 Cambados, Pontevedra

Coordenadas: 42.526759, -8.777180

Teléfonos: 986 524 845 / 633 136 161

Email: fgcmf@culturmar.org