Deputación da Coruña habilitará axudas para as embarcacións tradicionais

Unha delegación de Culturmar integrada polo presidente Pepe Sacau e o expresidente Manolo Sendón, reuniuse en Muros co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas. O obxecto do encontro era dar a coñecer e intercambiar impresións sobre os retos actuais que afronta a frota tradicional e os colectivos que co seu abnegado traballo a sustentan.

Foi destacable a sintonía entre ambas partes e a receptividade da Deputación cara as necesidades do tecido asociativo implicado na salvagarda desta parte fundamental do noso patrimonio cultural.

Fruto deste encontro, e como xa avanzou a propia Deputación en diversos medios de comunicación, as embarcacións tradicionais serán incluidas na liña de axudas que esta administración destina á conservación do patrimonio. Unha medida que temos a certeza de que servirá para garantir a continuidade de moitas accións de mantimento e dinamización que os colectivos integrantes de Culturmar levan a cabo sen descanso e de maneira desinteresada.