Día Europeo dos Parques. Obradoiro e visita ás Cies

Con motivo do Día Europeo dos Parques, que se celebra o vindeiro 24 de maio, o Museo do Mar de Galicia, en colaboración co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, organiza unha longa e intensa serie de actividades destinadas a dar a coñecer as particularidades e a riqueza biolóxica das Illas Atlánticas galegas.

Os obradoiros familiares dirixidos a tódolos públicos, celebraranse o sábado 24 de maio en dúas quendas (11 e 17 horas). Consistirán nunha serie de traballos de recoñecemento da riqueza biolóxica dun sistema dunar e da zona costeira, nas inmediacións de Cabo do Mar (Samil). Cada grupo levará unha serie de material de observación (cadernos, guías de natureza, prismáticos e cámara de foto) para tomar notas e fotografías daquelas cousas que consideren de interese. Posteriormente, partirán cara o Museo onde poderán analizar os datos obtidos.

Visita ás Illas Cíes

A visita ás Illas Cíes é a actividade estrela e tamén a de peche desta semana de actividades adicadas ó Parque Nacional das Illas Atlánticas. Terá lugar o día 25 de maio e comezará no Museo do Mar para logo continuar na Estación Marítima, onde se embarcará a bordo do vello alxibe que prestaba servizo no porto de Vigo, o Hidria II. Este buque é o único operativo en España que posúe unha máquina de vapor como propulsor principal.

Advírtese que, debido a dificultades técnicas, o buque fondeará (non atracará), na Illa Norte e se trasladará á xente en neumática zodiac dende o barco ata á praia. Por elo, esta actividade no é apta para persoas con mobilidade reducida. O programa é o seguinte:

Data: domingo 25 de maio

Horario: de 12h a 20:15 (saída e chegada ao Museo do Mar).

Prezo: 20€ por persoa. Inclúe os desprazamentos en autobús (do Museo á Estación Marítima) e barco, pero non a comida

Desenvolvemento:

12h.- Museo do Mar.

12- 13h.- Breve explicación sobre o Parque Nacional e saída cara a estación marítima en autobús.

13:30h.- Embarque no “Hidria II”.

15h.- Chegada, fondeo e desembarco nas Illas Cíes.

15:30h.- Inicio da visita.

18:30h.- Embarque de volta no “HidriaII” .

20:15h.- Chegada ao Museo do Mar en autobús desde a Estación Marítima.

A actividade da visita ás Illas Cíes está limitada polo aforo máximo do buque, que é de 100 persoas. O cupo encherase por rigoroso orden de solicitude, que poderase facer ó Museo do Mar de Galicia por teléfono (986247691), na lista existente no mostrado de venda de tickets ou por correo electrónico (gabinete.didáctico@museodomar.com ).