Dúas novas asociacións entran na FGCMF

Na pasada asemblea pasaron a formar parte da FGCMF a Asociación Cultural Barcos do Nordés, de Redondela, e a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais A Torre, de Cambados. Ámbas asociacións caracterízanse porque a maioría dos seus membros son xente moza. Alegrámonos moito de que así sexa, consideramos moi importante que se vaia incorporando ao mundo das embarcacións tradicionais xente nova que poida dar remuda como antes o fixeron outros.

A Asociación Cultural Barcos do Nordés, está traballando na recuperación dun galeón de máis de 10 m ao tempo que participa nos eventos no mar co Búrbida, un histórico da flota tradicional, que lles foi cedido en depósito polo seu armador.

E en Cambados, ou máis precisamente en San Tomé, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais A Torre, nos poucos anos que ten de vida xa participou en moitos eventos e este ano organizou a regata de dornas a remos da Valvanera. Contan con algunhas dornas, un bote de Ribadeo e dous loros, Caiño e Espadeiro. O loro é un tipo de chalana cunha fasquía característica, con menos arrufo e manga da normal, e que se empregaba na zona de Cambados para distintos tipos de traballos en zonas de pouco calado.

(Imaxe: os loros en San Tomé)

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.