Esta fin de semana, ‘Muros mira ao mar’

Esta fin de semana, no marco das XIX Xornadas de Cultura Mariñeira ‘Muros mira ao mar’ 2024, a Asociación Cultural ‘Mar de Muros’ reunirá unha mostra a flote de 15 embarcacións tradicionais de diferentes tipoloxías, todas elas representativas das nosas costas, desde as Rías Altas até as Rías
Baixas.

Coa fin de poder desfrutar deste patrimonio vivo, levaranse a cabo unha serie de actividades como xornadas de navegación tradicional ou visitas guiadas ás embarcacións e á Mariña Tradicional de
Muros- Mardevelas.

A primeira destas visitas terá lugar o venres 5 de xullo ás 6 da tarde. As persoas interesadas poderán inscribirse no punto de encontro da mariña, no porto de Muros. Igualmente, durante as xornadas do sábado e do domingo haberá visitas en distintos horarios (10:30, 12:00, 17:30, 19:00 e 20:30 horas). As visitas son de balde.

Ademais de poder ver navegar este noso patrimonio marítimo pola abra de Muros, tamén o venres, ás 20 horas, terá lugar o tradicional izado de velas inaugural.
Estas actividades forman parte da programación anual de Culturmar e están apoiadas polo Concello de Muros e subvencionadas pola Deputación da Coruña.