Exposición “Paisaxes e símbolos da nosa beiramar” no Porto do Son

A pasada semana foi inaugurada na Estacada do Bordo Portuario do Porto do Son a exposición “Paisaxes e símbolos da nosa beiramar”.

A exposición, que harmoniza textos, fotografías, planos e mapas de distintos arquivos, moi especialmente da colección dixital do Museo Marea debida á xenerosidade dos sonenses, é multifocal. Trata do mundo do traballo, representado nas atadoras, nos carpinteiros de ribeira, nas fábricas de salgadura e na conserveira de Pérez Lafuente

Os temas doutros paneis son a devoción e o lecer (a procesión e as regatas do día do Carme, o salón Miramar). A mostra tamén ilustra sobre a orixe e a transformación das infraestruturas portuarias do Porto do Son, con especial atención á vella dársena, A Comboa, cuxa silueta forma parte do escudo municipal desde hai máis dun século. E, por suposto, nesta exposición non podía faltar, e non falta, un relato sobre as estruturas en madeira (as estacadas e os seus parentes pobres, as varas) nas que se secaron redes e peixes.

A instalación permanecerá aberta durante os próximos meses.