Faleceu Alfredo Lagos

Fillo do fundador de Astilleros Lagos e impulsor da empresa, Alfredo Lagos foi un dos persoeiros máis destacados da náutica galega, tanto na súa faceta de navegante como nas de deseñador e constructor.

Polo seu asteleiro pasaron incontábeis barcos clásicos e construíronse magníficas obras de deseño propio ou alleo, utilizando desde as técnicas tradicionais da carpintaria de ribeira aos últimos avances tecnolóxicos. A construcción en madeira foi sempre unha das súas especialidades máis destacadas, gozando de recoñecemento internacional.

Co pasamento de Alfredo Lagos finalizan 95 anos de traxectoria incansábel dedicada ao máis auténtico oficio da construcción naval, pero o seu legado permanecerá por sempre sulcando os mares do mundo enteiro.