Onte soubemos do falecemento do querido Domingo Carrero “Minxos”, mestre carpinteiro de ribeira e fundador do estaleiro El Pasaje, da Guarda.
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial – Culturmar quere expresar o seu fondo pesar por esta perda, en especial aos compañeiros de Agalcari e por suposto á Asociación Piueiro e á Vila da Guarda, a quen Domingo deixou o seu mellor legado materializado no volanteiro que dá nome á asociación guardesa e que foi a gran estrela que iluminou coa súa imponente fasquía o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais celebrado o pasado 2019.
Non podemos deixar de felicitarnos, como defensores do patrimonio marítimo e fluvial galego, por que hoxe a frota tradicional galega conte con esta xoia, recuperada do esquecemento, e que encerra todo o saber de Domingo, herdado dos seus antecesores e felizmente transmitido aos seus descendentes.
Que os ventos che sexan favorábeis, amigo Minxos.