Festa da botadura en Abelleira


O pasado día 4 os veciños de Abelleira botaron a súa buceta, a Ostreira. A festa foi inesquecible, multitudinaria, e chea dun espírito comunitario xa pouco común.
O barco foi levado desde o taller de construción ata o peirao de Sorribos acompañado por moitos veciños, vestidos con roupa de época. Chegado ao peirao, o mestre Brea preparou a anguía para a botadura e nela quedou o barco mentres a xente foi comer agardando pola marea para poder botala. A comida, para máis de 500 persoas, estivo magnificamente organizada
Ás tres e media aproximadamente, coa preamar, botouse a Ostreira con rapidez e sen incidentes. Acompañando á Ostreira na súa primeira navegación estaban barcos da ACD Dorna, de Mar da Pedra, de Lajareu, e de Mariñeiros de Bouzas.
Despois de armar o pau e a vela, e dar uns bordos en Sorribos, saiu á ría xunto con algúns dos barcos presentes. Dado o pouco calado de Sorribos houbo que volver pronto a terra, porque en caso contrario logo sería imposible entrar.
Xa cos barcos atracados seguiu a festa con xogos populares.
Foi un día realmente fermoso e que será lembrado moito tempo.
A Ostreira é unha buceta ou canoa, que arma vela de relinga, e poderedes vela en Muros no IX Encontro e seguramente en moitos outros encontros porque os veciños de Abelleira pensan facer da súa buceta a embaixadora da parroquia.