Despois dun aprazamento na súa data orixinal polas previsións de mal tempo, a VII Regata do Salnés, organizada pola Asociación de Embarcacións Tradicionais de Cambados, puido por fin celebrarse o domingo 14 de xullo .
Un ano máis o campo de regatas cambadés tiña como punto de referencia o ‘T’ portuario da vila arousá, ao pé dos peiraos de Tragove, Cambados e Santo Tomé, onde se puxo a liña de saída e de chegada.
Un día gris no climatolóxico, cun ventiño xeitoso e onda mediada, que foi un gran día no deportivo para a ‘Pereka’ da Illa de Arousa. A dorna de José Antonio Dorado e Alberto Vicente tomou a cabeza da proba dende a mesma liña de largada e non deu opción no resto do percorrido.
Tras a partida na bocana de Tragove, as dornas tiñan que buscar o primeiro paso pola boia onda o espigón de Santo Tomé. Primeiro paso por sotavento no que ‘Pereka’ chegaba en franca vantaxe e coa batalla desatada xa, por detrás, entre a ‘Nécora’ e ‘Fuxe’. Naquela altura pasa segunda a dorna da Illa e, terceira, a do Grove.
Á ‘Pereka’ dálle case na volta para o paso pola baliza de sotavento, na vertical da Torre de San Sadurniño, mais non tan pegada a terra como o pasado ano. Pasan os ‘perekos’ con vantaxe e buscan a luz do Ourido nun camiño sen oposición e con toda a frota a remolque.
A regata ía rápida e os refachos polo medio da ría aínda aceleraron máis o navegar das dornas en cabeza da regata. Sempre por diante a embarcación de Dorado e Chica, que fai o segundo paso por sotavento e deixa pola popa unha preciosa loita entre dúas dornas que semellan comezar moi fortes esta Copa Mörling 2024.
A Nécora de Braulio García e Adelino Santamaría gañou a Volta á Arousa en xuño, e uns días antes, na Regata do Sepelo -primeira proba puntuable para a Mörling deste ano-, acabou quitándolle a segunda praza á Pereka na liña de chegada en Portonovo. Con estes antecedentes e unha boa progresión en Cambados, a dorna do crustáceo pasa segunda polo sotavento de Santo Tomé, pero a ‘Fuxe’ dos Parada, pai e fillo, Manolo e Brais, ataca por dentro pola amura de estribor do barco da Illa. E cinguindo máis pegado á baliza colle un barlovento decisivo para adiantar á ‘Nécora’.
Así acabou o podio en Cambados: a ‘Pereka’ dando un golpe de temón, gañando con autoridade e facendo o percorrido da regata nuns rapidísimos 56 minutos e 10 segundos. Por detrás a ‘Fuxe’ colléndolle a segunda praza á ‘Nécora’.
A ‘Jalerna’, que gañara a regata de Portonovo, non deu pasado esta volta da sétima posición pero aínda así conserva un segundo posto na clasificación xeral da Copa, que agora xa encabeza a ‘Pereka’ tras a vitoria no Salnés. Terceira na xeral é a ‘Fuxe’ de Manolo Parada, ameazando con ser a gran animadora do campionato este ano e relevando nese papel a ‘Abuelo Tucho’ que en 2023 ameazou seriamente o liderado dos Dorado e Chica e a súa todo poderosa ‘Pereka’.