Desde hai anos vense suscitando en Culturmar, a través das distintas reunións, asembleas, actividades,
redes ou outros foros nos que se produce a confluencia dos colectivos e persoas que a integramos, a
necesidade de estender a masa de persoas que colaboren cos diferentes proxectos que desenvolvemos,
colaboración que se pode ver materializada en varios aspectos.
Aproveitar as ideas e capacidades de toda a masa social aglutinada arredor de Culturmar, ben
sexa de xeito directo (persoas asociadas aos colectivos) ou de maneira achegada (persoas coas que
compartimos proxectos ou experiencias de maneira colaborativa), é unha vía que podemos e debemos
explorar, favorecendo así que o talento, o saber facer e o espírito de iniciativa e de cooperación teñan un
camiño para expresarse.
O proxecto que abrimos persegue organizar este gran banco de iniciativas arredor dunha estrutura
recoñecíbel, que permita realizar en produtos acabados aquelas que sexan máis audaces, ambiciosas ou
interesantes, cunha vocación plenamente divulgativa e expansiva, achegando así a actividade de todos os
colectivos e da Federación mesma a ámbitos sociais máis afastados.
Trátase en definitiva de crear un laboratorio de ideas, reunindo nun foro aquelas persoas que teñan as ideas con aquelas outras que teñen a capacidade para poñelas en práctica, procurando as sinerxías entre ambas categorías para obter unha Culturmar máis dinámica, creativa e participativa.
Neste camiño, o neoloxismo habiadora, escollido para denominar o proxecto, quere transmitir a imaxe desas persoas –existentes en grande número entre nós, e entre as que moitas nos poderiamos incluír– que con frecuencia concibimos unha idea, tola ás veces mais absolutamente xenial noutras ocasións, iluminación que por unha ou outra causa deixamos en moitas ocasións que fique no esquecemento.
Podemos identificar os seguintes obxectivos:
- crear un foro de debate de ideas
- favorecer a iniciativa e a creatividade
- descentralizar o ámbito de recollida de iniciativas e toma de decisións
- abrir vías que permitan materializar proxectos e ideas
- obter produtos ou resultados que sirvan á causa da cultura marítima e fluvial
- ampliar o fondo de exposicións ou mostras centradas arredor do patrimonio
- estender a capacidade de penetración social fóra dos colectivos
- achegar persoas aos centros de decisión dos colectivos e de Culturmar sobre
proxectos ou propostas concretas
O Proxecto artellarase como un foro aberto no que poidan participar a título persoal, cooperativo e desinteresado, todas aquelas persoas que o desexen:
- socias e socios de calquera dos colectivos federados en Culturmar
- membros das Xuntas Directivas de todos os colectivos federados, a título persoal ou
representativo - persoas achegadas en xeral, pertenzan ou non a algún colectivo entre os que
habitualmente colaboran con Culturmar - público en xeral que participe das inquedanzas arredor da salvagarda do patrimonio
marítimo e fluvial e que asuman os principio e obxectivos de Culturmar e dos
colectivos
O foro será dinamizado de entrada por algunhas das persoas que desexen incorporarse ao mesmo, de
maneira que sexa absolutamente horizontal e autoxestionado desde o seu inicio. Este foro será, así, o
primeiro dos resultados do propio Proxecto, impulsado polas primeiras habiadoras que se adhiran a el. O foro verase materializado nunha canle dixital na que todas as persoas participantes poderán suxerir aquelas iniciativas que consideren interesantes, independentemente da súa procedencia e do ámbito ao que pertenzan tales iniciativas.
Neste sentido, poderán achegarse a este foro todo tipo de propostas nas seguintes condicións:
- deben ser iniciativas que teñan unha relación directa cos obxectivos de salvagarda do
patrimonio e da cultura marítima e fluvial; - terán un carácter público e aberto, en consonancia coas directrices europeas sobre
datos abertos; - contemplarán necesariamente a obtención dun produto que poida ser utilizado para a
divulgación, en soportes físicos e dixitais adecuados; - presentaranse en formato de proxecto, especificando os contidos, soportes,
definicións técnicas e demais elementos necesarios para unha clara identificación da
súa finalidade; - irán identificados cun nome que resulte descritivo e atractivo, para que sexa
facilmente recoñecíbel e con capacidade de penetración pública; - contarán cun orzamento inicial orientativo, que non poderá incrementarse finalmente
en máis dun 20% do previsto, sempre que este incremento estea suficiente motivado e
exista a posibilidade de asumilo en función da dispoñibilidade nos orzamentos anuais
de Culturmar; - contarán cunha previsión de prazos máximos de execución para ter o proxecto
rematado e completamente operativo; - deberán contar cunha persoa ou equipo de persoas responsábel do avance do
proxecto e da súa finalización, incluíndo a xestión de provedores ou outras que sexa
necesario acometer; - deberán conter unha mención expresa á cesión gratuíta dos dereitos de reprodución e
explotación en favor de Culturmar e, por extensión, de todos os colectivos que a
integran, se ben poderán quedar en propiedade os dereitos da autoría artística ou
intelectual.
Aquelas iniciativas que finalmente, por acordo consensuado das habiadoras participantes, resulten nun maior interese desde o punto de vista de toda a colectividade de Culturmar, recibirán o impulso dentro do propio foro para que se desenvolva o proxecto de maneira formal. Unha vez que un proxecto obteña o consenso en canto ao seu interese e viabiidade, as persoas promotoras, as habiadoras, deberán dinamizar de xeito directo o proceso de redacción do proxecto, para o que poderán procurar apoios, sexa entre o resto de habiadoras, sexa a través da axuda ou colaboración doutras persoas ou ámbitos.
A continuación incluímos unha folla orientativa de rexistro de proxectos:
Poderedes ler o texto completo deste documento na seccións de Publicacións da nosa web. https://culturmar.org/publicacion/proxecto-habiadoras-o-laboratorios-de-ideas-de-culturmar/