Ata finais deste mes de decembro está aberta no Aquarium Finisterrae a exposición “Historia do principe e a sardiña”. Organizada polo Aquarium en colaboración co Musée Océanographique de Mónaco e coa participación e patrocinio do Museo do Mar de Galicia, esta exposición recolle materiais e fotos inéditas das expedicións que en 1886 e 1909 fixo o Principe Albert I de Mónaco a Galicia e Portugal para estudar a pesca da sardiña.
Albert I, fundador da Oceanografía, chegou ás nosas costas para estudiar a sardiña debido a que na década de 1880 desaparecera por completo das costas bretonas causando un gravísimo prexuízo á economía de Bretaña.
Esta desaparición da sardiña en Bretaña axudou ao despegue da conserva galega, do complexo mar-industria en Galicia, e tivo unha enorme repercusión no desenvolvemento do tecido industrial da costa.
Daquelas campañas quedan unhas interesantísimas fotografías inéditas que mostran o inicio da pesca industrial en Galicia, e tamén o final dalgúnhas tipoloxías de barcos de pesca a vela, como o que podedes ver na foto de arriba, posiblemente un volanteiro do Son, aparellado con vela de relinga nos seus dous paus.
Paga a pena unha visita ao Aquarium porque as fotos están reveladas en gran formato, o que permite observar moitos detalles nelas que raramente se viron anteriormente.
Estas viaxes deron lugar a publicacións científicas sobre a sardiña e a súa pesca, por exemplo La pêche de la sardine sur les côtes d’Espagne (en francés) que recolle as características da pesca co cedazo ou cerco real de Maristany na Coruña.
Fotos do Principe Albert I, os seus barcos e os seus intrumentos de investigación pesqueira