Homenaxe a Bernardo Máiz

O vindeiro día 16 de outubro, ás 14 h, no Restaurante Ángel de Santiago de Compostela, e organizado pola Asociación Galega de Historiadores/as, váiselle facer unha homenaxe a Bernardo Máiz, en recoñecemento polo seu delongado labor a prol da investigación e divulgación da historia contemporánea de Galicia e tamén polo seu compromiso en múltiples iniciativas de interese público, entre elas a recuperación da nosa cultura marítima. A homenaxe consistirá nun xantar de confraternidade aberto a toda a cidadanía e na concesión do 1º Premio “Manuel Murguía ao labor historiográfico”, instituído pola devandita Asociación Galega de Historiadores/as; tamén actuarán Mini e Mero, alén doutras sorpresas.

Bernardo Máiz, expresidente do Club do Mar de Ferrol, é autor entre outras moitas publicacións de Nautilus (1892-1894), As embarcacións de pasaxe nas rías galegas (1573-2000) e a máis recente As Embarcacións Tradicionais do Arco Ártabro a Ribadeo, xunto con Enrique Freire.
A FGCMF súmase a esta homenaxe e anima a participar nela a todos os interesados na cultura marítima e fluvial.

Para participar do xantar (20€, incluído libro-agasallo) e entrega do Premio Manuel Murguía ou achegar adhesión (individual ou colectiva) fica habilitado o correo-e secretaria@revistamurguia.com.