O Museo do Mar de Marín organiza a primeira edicion do ‘Festival Cine do Mar’, o primeiro evento destas características na comarca vinculado á tradición mariñeira e o segundo de Galicia.
Durante cinco días, proxectaranse un total de 13 filmes, sete na Sección Oficial de Ensino e seis na de Novos Creadores, destinada a aqueles mozos produtores menores de 30 anos.
As actividades comezarán o martes 21 de maio no Cine Seixo de Marín, cun acto de inauguración ás 19.30 horas. A continuación, proxectarase o filme ‘Matria’ de Álvaro Gago.
Desde o mércores, os actos pasarán á Biblioteca Pública Vidal Pazos. Ese mesmo día, ás 19.00 horas, Anxo Cabada e Antón Dávila presentarán ‘A última dorna de Ons’, que dará paso á mesa redonda ‘Patrimonio Marítimo’, na que participarán representantes de diferentes asociacións relacionadas coas embarcacións tradicionais. ‘Carpintaría de ribeira. Fasquiando ou futuro’, da Asociación Galega de Capintería de Ribeira, será o filme de clausura escollido.
Neste festival colabora Culturmar así como os colectivos Os Galos de Bueu, Reiboa e Ronsel, Agalcari e Mares da Fin do Mundo, entre outras asociacións e entidades.