II Xornadas de ‘Patroneando no futuro’ en Cabo de Cruz

Este ano retomamos as xornadas para formadores en navegación tradicional cunha nova edición de ‘Patroneando no futuro’, que terá lugar nesta ocasión no Centro Social de Cabo da Cruz o vindeiro 20 de abril ás 10.00 horas. A xornada terá lugar en horario de mañá e de tarde.

Dando continuidade á primeira xornada que se desenvolvera no Freixo (Outes), a edición deste ano terá un espectro algo máis amplo, aínda que sen deixar de contemplar aqueles obxectivos que nos marcáramos e que seguen a ser prioritarios: a transmisión, a renovación, a penetración en distintos ámbitos das nosas comunidades locais, a formación e a creación de sinerxías. Mais nesta ocasión cunha perspectiva lixeiramente distinta, baseada no debate e na compartición de boas prácticas que poidan ser modeladas e aproveitadas por distintos colectivos, utilizando as experiencias existentes e favorecendo a súa adaptación, de xeito que os esforzos de cada colectivo poidan ser emulados e mellorados por outros.

Os colectivos que desexen participar deberán enviar cuberta a ficha de inscrición que aparece máis abaixo indicando o número total de persoas asistentes:

  • Prazo ata o xoves 18 de abril as 14.00 horas
  • Prazas: 80 prazas dispoñibles. As solicitudes serán admitidas por estricta orde de entrada ata cubrir.

Asemade, haberá dispoñibilidade de reservar manutención no Mesón Abadía San Enrique aqueles que o desexen a un prezo de 27€/ persoa que deberán ser ingresados previamente na conta da federación para facer a reserva efectiva e sempre ata o xoves 18 de abril.

Este é o programa destas segundas xornadas de ‘Patroneando no futuro’

I XORNADAS NO FREIXO

En 2022 celebrouse a I Xornada ‘Patroneando no futuro’ no Náutico do Freixo, organizada en
colaboración entre Culturmar e a ACC Terra de Outes, como colectivo anfitrión.
A xornada fora concebida como unha posta en común arredor das prácticas que
puidesen servir aos colectivos para deseñar as que demos en chamar Escolas de Navegación
Tradicional, que permitan unha actividade estruturada e sólida de transmisión de
coñecementos, coa óptica posta na renovación xeracional e centradas non só na formación de
tripulantes, patroas e patróns que saiban gobernar unha embarcación tradicional, senón tamén
na formación de formadoras, persoas que saiban transmitir estes saberes garantindo así a súa
salvagarda.