Volve o remo tradicional ás rías. O vindeiro 15 de agosto vai ter lugar a Regata de canoas en Esteiro. A saída será ás 17:30 horas na praia de Paramean. A Regata está organizada pola Esteirana de remo, coa colaboración do Grupo de Cultura Mariñeira da A.C. O Xeito e o Concello de Muros.
Que volva organizarse unha regata de canoas é unha excelente noticia, porque mantén a tradición das regatas nas festas patronais das vilas costeiras. É moi raro que nos libros de fotografías antigas que se publican sobre as vilas mariñeiras de Galicia non haxa fotos de regatas de remo en dornas, xeiteiras, canoas, chalanas ou gamelas o día da Festa.
Neste caso hai dúas circunstancias que engaden interese ao evento, a primeira é que está financiado íntegramente coa venda de 1000 rifas para o sorteo dun porco, das que xa están vendidas máis de 950, por tanto, como se di en Singradura da Relinga é un “Proxecto financiado directamente pola cidadanía con sensibilidade sobre a cultura do mar.“. E a outra circunstancia é que na regata vai participar a canoa da Confraría de Muros, construida nos 80 e que acaba de ser recuperada por un grupo de persoas de Esteiro. Con esta son xa dúas as canoas recuperadas para as regatas (antes foino a de Esteirana).
Parabéns ao Grupo de Cultura Mariñeira da A.C. O Xeito polo esforzo calado e constante para recuperar as regatas de canoas.
(Vía Singradura da relinga)
2 cometarios sobre “IV Regata de Canoas da Vila de Esteiro”
Comments are closed.
Moitas grazas pola colaboración na difusión da IV REGATA DE CANOAS, que se organiza na Vila de Esteiro (Ría de Muros e Noia).
Unha aperta mariñeira.
A vos polo voso traballo. Que teñades un bo día para bogar