Javier Babé, a descuberta do mar, a descuberta do amigo

Dende Culturmar lamentamos a perda do noso benquerido Javier Babé, socio fundador da Asociación Amigos da Dorna Meca, gran navegante e mellor persoa, que soubo transmitir esa paixón e os seus coñecementos de xeito humilde, sen grandes alardes. Viviu facendo o que máis amaba, navegar. Vaia esta pequena homenaxe para un navegante que loitou pola defensa da Cultura tradicional mariñeira.

O noso benquerido Javier Babé deixounos para comandar novas expedicións alén do mar. Deixounos do xeito que, seguro, tiña imaxinado: á cana da súa querida Peregrina, nunha nova expedición, o Reto Astrolabio. 

Quen temos memoria lembramos a expedición Idus de Marzo, comandada por Javier. Un fito de grande relevancia que propiciou o programa de investigación mariña que aínda segue vixente en mares austrais. 

Quen tamén tivemos esa sorte, coñecemos á grande persoa que estaba detrás destas xestas. A experiencia dun home de mar, que se afastou de recoñecementos elitistas para abrazar a compañía dos seus moitos amigos da cultura tradicional mariñeira nas súas recaladas no Grove. Difícil admitir a perda dunha persoa tan próxima, tan amante do mar e das súas xentes, en especial dos colectivos que nos adicamos á recuperación do saber náutico tradicional, a súa grande paixón. Botaremos de menos o seu saber, o seu entusiasmo para propor novos retos, novas expedicións. E laiaremos moito non ter testemuñado máis e mellor a súa experiencia vital.

Porén, imaxinamos a Javier proxectando navegacións estelares. Lembraremos, pois, a súa presenza nas noites estreladas, cando fitemos o firmamento: alí estará, sempre co sorriso debuxado nesa faciana de home de mar, presto a compartir experiencias.

Boas singraduras, Javier, alá onde esteas a navegar.