José Suárez. Uns ollos vivos que pensan. Exposición

Onte inaugurouse na Cidade da Cultura a mostra José Suárez. Uns ollos vivos que pensan que é maior mostra que ata agora se fixo do traballo do fotógrafo José Suárez. Suárez ten para nos un valor especial, unha foto súa foi a que ilustrou o cartel do I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. A mesma foto foi distribuida en carteis de gran formato en Brest08 pola delegación galega e hoxe un fragmento é a foto do cartel desta exposición.

Súarez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) é un dos máis importantes fotógrafos galegos. A partir de 1921 comeza a publicar reportaxes en revistas e nos anos 30 entra a traballar para CIFESA onde recibe o encargo de elaborar varios documentais, entre eles Mariñeiros, filmando no Morrazo e en Rianxo. Este documental, do que hoxe non se coñece ningunha copia, tivo que rematalo na Arxentina onde inicialmente se exiliou por causa da guerra civil. Posiblemente dos traballos de localización para a película Mariñeiros naceu a serie fotográfica do mesmo nome da que forma parte a foto que mencionamos arriba. Esta serie foi exposta por primeira vez en Vigo en 1967. Logo foi fotógrafo de prensa, viaxou por todo mundo e publicou libros e reportaxes nas mellores revistas.

A vida e personalidade de Suárez foron moi interesantes, foi un home cunha gran formación intelectual, amigo de Unamuno ou Kurosawa, relacionado cos intelectuais españois da vanguardia do 27 e membro do grupo de intelectuais galegos exilados na Arxentina e no Uruguay. Home polifacético (libreiro, tradutor de teatro xaponés, asesor na creación da estación de esquí de Manzaneda, etc.), viaxeiro por moitos paises, a riqueza da súa obra dá fe da súa vida.

Esta exposición recolle 206 fotografías e 150 obxectos persoais que permiten ter unha visión completa da evolución do seu traballo fotográfico. Entre as fotografias expostas están as da serie Mariñeiros, as feitas nas súas estancias en Xapòn, as series de América do Sur ou a da Mancha. É unha boa oportunidade para achegarse ao traballo dun dos homes que mellor soubo representar a vida dos mariñeiros da costa galega nos anos 30.

Mais información sobre Suárez no blog José Suárez, onde se poden atopar fotografías, textos, fragmentos de libros, etc.

(Imaxes: José Suárez, tomadas do blog José Suárez)

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.