O vindeiro 31 de maio vaise presentar oficialmente a páxina web da Lancha Poveira do Alto, a Fé Em Deus.
A páxina que está xa á vista, mellora por días coa incorporación de moito material moi valioso. Neste momento hai unha completa cronoloxía da lancha, abundante bibliografía co texto completo, moita dela inencontrable hoxe en día, e outra información de interese.
Este ano cúmprense 20 da súa construción e con este motivo non só se preparou esta páxina, senón que na Póvoa están a traballar para celebrar a efemeride cunha serie de actos, ente eles o II Encontro da Rede Nacional de Cultura do Mar o día 2 de setembro, e I Encontro de Embarcações Tradicionais da Póvoa de Varzim, os días 3 e 4 de setembro.
A relación da FGCMF coa Póvoa ven de vello, como poderedes ver na presencia de Galicia na cronoloxía das actividades da Lancha, e nos cadernos en pdf dos tres primeiros Encontros de Embarcacións Tradicioanis de Galicia, hoxe xoias documentais que están a dispor de todos nesta páxina da Lancha.
Sempre se pon como referente da FGCMF a Federación bretona, pero moitas veces esquécese o papel que os poveiros e en xeral os portugueses do norte tiveron no nacemento da FGCMF.
As boas relacions de membros do que logo sería a FGCMF con Manuel Lopes, o impulsor da construción da Fé em Deus, e Octávio Lixa Filgueiras, un dos grandes estudiosos do patrimonio marítimo do Norte de Portugal, propiciaron a creación de lazos entre a FGCMF e a Póvoa que chegan ata hoxe.
Como exemplo desta relación temos que decir que a primeira vez que o primeiro presidente da FGCMF falou en público en representación dela foi na Póvoa en 1994, no que Dionísio Pereira participou no coloquio Patrimonio marítimo, que futuro?, xunto a Staffan Mörling e Octávio Lixa Filgueiras.
A FGCMF anima a todos a participar nos actos de conmemoración. Conforme se vaian concretando os detalles dos actos de conmemoración do aniversario da Lancha iremos dando conta deles aquí.
(Vía Caxinas…)
Un comentario sobre “Lancha Poveira do Alto. 20 anos 1991-2011”
Comments are closed.
Moi bo web o da lancha. É un barco impresionante