Manuel Antonio en Portocubelo


O Grupo Ouriol, formado pola poeta Eva Veiga e polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, ofreceron o pasado sábado, día 4, nas instalacións da Confraría de Pescadores de Lira- Carnota, no Portocubelo, o espectáculo poético-musical DE CATRO A CATRO, baseado nos poemas do libro do mesmo título do escritor Rianxeiro Manuel Antonio (1900-1930).

O espectáculo, elaborado a partir dunha proposta realizada pola organización dos IX Encontros de embarcacións tradicionais de Galicia, Muros 2009, ten unha duración aproximada de 40 minutos, tempo no que a voz de Eva Veiga, acompañada dos dous músicos, percorre os poemas do libro, nos que Manuel Antonio reflicte a súa experiencia como membro da tripulación dun pailebote que realizaba navegacións de cabotaxe entre Galicia, o Cantábrico e o Mediterráneo.

O libro foi escrito entre os anos 1926 e 27 e publicado pola Editorial Nós de Ánxel Casal en 1928. Trátase dun libro fundamental na historia da literatura galega e esencial na literatura sobre o mar.

O trío Ouriol repetirá este recital o vindeiro venres, día 10, ás 20,00 horas en Muros, como peche das Xornadas Técnicas que se celebrarán durante o encontro. O acto está a aberto a todo o público.

Para asisitir ao Recital achegaronse a Portocubelo parte dos barcos grandes que van participar no Encontro: O Ria de Ferrol, O Punta Pragueira e o Novo Sofía.