Mar de Outes. Berce dos carpinteiros de ribeira galegos. Libro


Presentouse recentemente o libro Mar de Outes. Berce dos carpinteiros de ribeira galegos, escrito por Santiago Llovo Taboada, cun prólogo de Manuel G. Sendón, presidente de Culturmar. Este libro é unha guía da carpintería de ribeira outense e ao mesmo tempo unha homenaxe aos centos de carpinteiros que dou Outes.

Logo dun capítulo introdutorio sobre a carpintería en Outes, o libro estrutúrase en seis capítulos adicados a cada unha das parroquias da costa outense e dentro de cada parroquia distribúese por lugares e por carpinterias ou talleres e dentro deles por carpinteiros. Finalmente péchase o libro cuns anexos onde se relacionan os carpinteiros e os barcos singulares que construíron. Para un período que vai do último terzo do século XIX a pasados os anos 50 do século XX, de cada carpinteiro o autor infórmanos dos datos básicos da súa biografía e dos datos dos barcos por eles construídos. Toda esta información en moitos casos está acompañada de fotografías das carpinterías, dos carpinteiros e dos barcos, así como de documentos de arquivo ou de medios cascos usados para trazar as súas plantillas.

Este libro é o resultado dun enorme esforzo de investigación en arquivos e do contacto con ducias de veciños de Outes que achegaron multitude de datos que lle permitiron ao autor facer esta homenaxe aos carpinteiros de ribeira de Outes, e a todos nós saber máis dese lugar que tivo unha impresionante concentración de carpinteiros. Como mostra valga o dato de que segundo os rexistros da capitanía en 1865 no Freixo construíronse un patache, un pailebot, un quechemarín, catro galeóns, oitenta lanchas e catorce botes.

Parabéns a Santiago Llovo por este libro que ven xuntarse aos seus anteriores libros: Memoria salgada dun pobo, agora reeditado en español, sobre Esteiro, Anaquiños da historia do concello de Muros, sobre as salgas e conserveiras de Muros, e O Freixo de Sabardes. A terra dos carpinteiros cos pes mollados.

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.