Moaña acollerá o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

A decimo quinta edición do Encontro terá lugar o ano próximo en Moaña, vila mariñeira enclavada na península do Morrazo e na Ría de Vigo.

A asociación moañesa Sueste presentou este proxecto que conta co apoio unánime do Concello, así como de multitude de entidades e colectivos de ámbito local representativas do tecido social da vila.

O Encontro desenvolverase entre o 5 e o 8 de agosto de 2021, aínda que nos meses previos se sucederán as actividades complementarias que prepararán á vila para a máis importante cita da cultura marítima e fluvial do noso país.

Durante catro días as rúas e prazas de Moaña encheranse de exposicións, obradoiros, palestras, actividades infantís, música, arte e moitas outras de expresións da nosa ancestral relación co mar e os ríos. Non obstante, o elemento principal serán, como acontece cada dous anos neste evento itinerante, as ducias de embarcacións tradicionais chegadas de cada recuncho da costa galega e de outros mares e rios do mundo. Tripulantes, colaboradores, voluntarios, veciñanza e visitantes poñeremos proa ao Morrazo para inundar Moaña de cultura mariñeira.

O vindeiro sábado 8 de agosto, dentro das actividades dos Días de Mar que celebra a vila de Moaña, terá lugar unha presentación oficial da sede do Encontro. O acto comezará ás 12:00 no salón de plenos do Concello.

Nos próximos meses iremos informando puntualmente dos avances na programación de actividades, permanecede á escoita!

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.