A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) retoma a extinta ‘Copa Galicia de dornas a vela’, rebautizándoa co nome de ‘Copa Mörling’, como mostra de agradecemento a toda a labor realizada en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling. Culturmar considera “que non hai mellor forma de homenaxear a figura deste bueuense de adopción que fomentando a exhibición de saberes de navegación tradicional e de embarcacións que supoñen as regatas de dornas a vela”.
O Museo de Massó de Bueu foi o lugar elixido para presentar esta primeira edición da copa. Ao acto asistiu o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, quen lembrou o legado de Staffan Mörling, fillo adoptivo do Concello de Bueu desde 2006. “O legado de Mörling sempre estará vivo mentres haxa embarcacións no mar”, afirmou.
Entre os meses de xullo e agosto, as vilas de Portonovo (18 de xuño), Cambados (2 de xullo), O Grove (30 de xullo), A Illa de Arousa (6 de agosto) e Combarro (27 de agosto) serán escenario das cinco regatas desta primeira edición da ‘Copa Mórling’. Serán competicións de, aproximadamente, dúas horas de duración e que terán lugar os sábados pola tarde, excepto a de Combarro, que será pola mañá.
As regatas de dornas a vela son unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga. Co obxectivo de promover e estimular a participación neste tipo de eventos, Culturmar conseguiu unificar catro regatas de dornas a vela que xa existían en Galicia (Portonovo, Cambados, O Grove e A Illa de Arousa) e engadir unha en Combarro para crear a ‘Copa Mörling’.
A organización deste evento persegue, sobre todo, conseguir unha maior difusión entre o público xeral das dornas como patrimonio material e do seu xeito de navegar como patrimonio inmaterial, así como dar a coñecer para que se empregaban estas embarcacións profesionalmente e en que contexto xorden estas competicións informais.
O presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, destacou na presentación deste circuito de regatas que, aínda que existe un aspecto competitivo, “a finalidade última é a convivencia e a cooperación entre embarcacións e colectivos de diferentes partes de Galicia”. Deste xeito, a ‘Copa Mörling’ servirá para afianzar os lazos de unión e xerar impacto turístico nas vilas costeiras onde se celebra cada unha das xornadas. “Queremos barcos vivos no mar, non mortos nas rotondas”, rematou Sacau.
Os colectivos de Culturmar que organizan as regatas son a Asociación A Torre de Cambados, A Reiboa de Combarro, a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa e a Dorna Meca do Grove.
Uxío Allo, da Asociación Cultural Dorna da Illa da Arousa, un dos colectivos máis veteranos de Culturmar, fixo un chamamento á participación do máximo número de embarcacións e colectivos para axudar a medrar esta competición e “espallar a cultura mariñeira das dornas”. Pola súa banda, Iago Otero, da Asociación A Torre de Cambados, falou da importancia de “mimar e coidar as embarcacións” para manter a tradición. “A xente máis nova que nos gusta este mundo debemos buscar embarcacións que están desfeitas para darlles unha nova vida”, engadiu.
As cinco regatas previstas ao longo do verán serán de tipo triangular e preto das radas de cada vila para, deste xeito, mellorar a visibilidade para o público desde terra. A ‘Copa Mörling’ terá un sistema de puntuación para estimular a participación das dornas. Ao final desta competición, haberá un trofeo para as embarcacións que queden nas tres primeiras posicións no cómputo xeral. No caso de empate, as dornas faría un largo barlovento- sotavento para desempatar. Ao finalizar cada regata, haberá unha xornada de convivencia entre as persoas participantes.