A Fundación para a Pesca e o Marisqueo (FUNDAMAR), xunto ao Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia, poñen en marcha esta iniciativa que se define como “un proxecto experimental no que, nun espazo de cocreación itinerante, a través das distintas recaladas, permitirannos deseñar a primeira senda do patrimonio industrial ao longo do Camiño de Santiago”.
Neste momento o proxecto abriu as inscricións para participar na expedición, que está destinada a estudantes e recén tituladas/os entre os 18 e os 30 anos de idade. As persoas seleccionadas “recalarán durante os 6 días de traballo de campo en 2 dos nodos ou enclaves que dispoñen dunha alta densidade de elementos patrimoniais, en activo ou en obsolescencia, vinculados ás actividades industriais marítimo pesqueiras ao longo de Camiño de Santiago”.
Un comité organizador e científico, formado por persoas vinculadas á valorización do patrimonio, supervisará en todo momento as actividades. Estas culminarán nunha presentación pública das conclusións, que permitirán xerar un itinerario polo patrimonio industrial vinculado ás actividades marítimas e pesqueiras.
Para saber máis sobre a iniciativa e presentar candidaturas de participación, podedes dirixirvos á web https://recaladas.org/.