O martes 9 de agosto, unha nortada de forza inesperada causou danos na flota da ACD Dorna. A cousa por momentos non pintou nada ben. Nos fondeos en fronte da praia do Bao estaban o galeón Rei do mar, a dorna de tope Peza de rabo, a buceta Salgharita e máis de dez dornas polbeiras. Pola tarde o vento chegou aos 53 nós baixo da ponte da Illa. Con este temporal de vento o Rei do mar soltou do seu fondeo e foi dar á praia. Logo dunha actuación rápida, impulsiva, e ata poderiamos dicir que heroica ou temeraria, os membros de Dorna que estaban presentes conseguiron sacar o Rei do mar da praia e levalo a lugar seguro.
Polas fotos dos post podedes ver que a cousa foi moi seria. Finalmente o balance de danos non é tan malo como se esperaba en principio, o Rei do mar ten algo tocado o seu motor pero é recuperable e varias dornas sufriron danos pero son reparables. Parabéns á xente da ACD Dorna polo esforzo e polo éxito.
Imaxes: ACD Dorna