Nota oficial en nome dos colectivos e do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia – Ribeira 2025

Andrea xa non o poderá vivir.

Hai só unhas semanas a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, en colaboración coa Real e Ilustre Cofradía da Dorna e co Concello de Ribeira, tivemos o pracer de anunciar a celebración en 2025 do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na vila de Ribeira.

Un Encontro que significa, como en todas as anteriores edicións, a celebración da nosa cultura e do noso patrimonio, especialmente o marítimo e fluvial, nun ambiente de amizade, de respecto, de colaboración, de ledicia e de emoción compartida. Un Encontro no que a terra abraza e se funde co mar que lle dá a vida.

Todo o contrario do que podemos dicir hoxe de Andrea, que xa non poderá ser parte dese abrazo, que xa non poderá ver o vento aloumiñar as velas, que xa non poderá sentir as ondas balanceando suavemente os barcos, porque xa non está connosco.

Unha máis; outra máis neste insoportábel río de sangue que segue a correr entre nós, pintando de vermello as nosas mans, os nosos ollos e os nosos pensamentos. Por Andrea e por todas as Andreas que xa non o poderán vivir berramos, basta xa!

Querida Andrea, que o mar da Arousa te acolla en compaña das velas brancas, inchadas en formación para darche o seu adeus e a túa merecida homenaxe, aló onde a terra che foi hostil.