No blog Boudevara, Xaquín L. Cuiñas publica un fermoso post sobre as maquetas de barcos que o seu pai e os seus tíos construían para xogar e sobre a axuda que recibían do seu avó Egidio López Padín, maquetista do Museo de Pontevedra, e de Álvaro Padín, o dono do Estaleiro Padín. Sobre o estaleiro de este último, Cuiñas achega unha interesante información que ven complementar a que xa publicara nun post anterior sobre os balandros de Cambados.
No estaleiro Padín construíronse dornas de traballo ou racús pero sobre todo balandros de lecer, como o Niní, do que se pode ver a súa botadura na foto de arriba. Desde Cambados, nos anos 50 do pasado século, Álvaro Padín tivo éxito como construtor de barcos, con pedidos de lugares tan afastados como Santander, Bilbao, Londres ou Barcelona. Emigrou a Brasil para montar alí un estaleiro de barcos de gama alta pero ao pouco de inaugurar o seu proxecto morreu nun accidente camiño do traballo.
(Imaxe: Boudevara)