O Parlamento respalda importantes medidas de protección ás Mariñas Tradicionais

A iniciativa do Clube Mariño A Reiboa de Combarro, que nos últimos meses reivindicou a exención ou bonificación do pago nas taxas portuarias para as embarcacións tradicionais galegas, propiciou que a Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia debatese en 16 de marzo unha moción na que se recollen medidas de calado para a salvagarda da nosa frota tradicional.

Así, o Parlamento insta á Xunta de Galicia a eximir do pago, ou bonificar no máximo legal, das taxas portuarias ás embarcacións d’A Reiboa amarradas no peirao da Chousa; pero tamén a extender esta bonificación ao resto de Mariñas Tradicionais, mesmo aquelas que aínda están por desenvolver.

Destaca que para o recoñecemento das embarcacións tradicionais, a moción contempla a utilización do censo elaborado por Culturmar mentres non se desenvolva o decreto 52/2019 que declara Ben de Interese Cultural as técnicas constructivas da carpintaria de ribeira.

Neste mesmo sentido, o Parlamento insta a desenvolver de maneira urxente e consensuada o devandito decreto.

A grabación da sesión parlamentaria pode ser visualizada nesta ligazón.

A seguir, reproducimos o texto íntegro da moción aprobada.


Aprobación por unanimidade con modificacións

11743 (11/PNC-001189)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e dous/dúas máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas condicións da autorización de ocupación do pantalán de embarcacións tradicionais outorgada ao Club Mariño A Reiboa no peirao da Chousa, no concello de Poio, e o desenvolvemento nel de actividades de divulgación da mariña tradicional

BOPG n.º 105, do 03.03.2021

Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

1. Manter as condicións da autorización de ocupación do pantalán de embarcacións tradicionais que vén usando o Club Mariño A Reiboa no peirao da Chousa desde 2011, eximindo, polo tanto, a este Club do pago da taxa X5 ou que sexa bonificada no máximo legal. Para a aplicación desta exención ou bonificación terase en conta, con carácter provisional e mentres non se desenvolva o previsto no decreto 52/2019, o censo de embarcacións tradicionais da Federación Culturmar.

2. Adoptar as medidas oportunas para que no citado pantalán se poidan realizar en condicións de seguridade as actividades de divulgación que corresponden a una Mariña Tradicional.

3. Estender estas medidas a toda a rede de Mariñas Tradicionais en construción ou en proxecto na costa galega.

4. Desenvolver de maneira urxente e consensuada co sector o decreto 52/2019 pola que se declaran bens de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas de carpintaría de ribeira, en especial no tocante ao órgano de xestión para as medidas de salvagarda, que será quen determine os criterios para elaborar o censo de embarcacións tradicionais.”

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.