O patrimonio como motor de desenvolvemento turístico

Do 20 ao 22 de Abril o Concello de Muros, coa colaboración do Centro de Estudos Turísticos (CETUR), o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e a Consellería de Cultura, están a organizar o II Congreso As Comunidades Costeiras Dependentes da Pesca en Tempos de Cambio “O Patrimonio como Motor de Desenvolvemento Turístico”, centrado no valor do patrimonio cultural para promover o desenvolvemento do turismo sostible. O evento celebrarase en Muros, comunidade costeira cunha marcada relación histórica co mar, cun valiosísimo patrimonio monumental, cultural e paisaxístico, e ter sido un importante lugar e modelo de investigación para moitas universidades. Os temas centrais do congreso xirarán en torno a:

• A conservación da diversidade cultural na UE
• O valor da tradición e a memoria cultural e social
• As comunidades costeiras en tempos de cambio. Visións para un futuro sostible
• Os beneficios de conservar o patrimonio histórico
• A creación de actividades económicas sostibles vinculadas á xestión e uso do patrimonio

Ademais de propostas teóricas sobre o tema, terán lugar mesas redondas multisectoriais e presentaranse iniciativas procedentes de distintos lugares de Europa e América.

Coincidindo co congreso, estará aberta ao público unha exposición de embarcacións tradicionais.

Os asistentes ao congreso recibirán un certificado de asistencia de 30 horas, expedido polo CETUR, e a asistencia será recoñecida con un crédito de libre configuración polas universidades da Coruña e Santiago.

É necesario inscribirse para poder asistir