O XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia será no Freixo – Outes en xullo de 2013

A Asemblea da FGCMF acordou por unanimidade conceder a organización do XI Encontro á asociación Terra de Outes, en consorcio cos colectivos da Federación pertencentes á ría de Muros-Noia. O Encontro será no porto do Freixo-Outes a primeiros de xullo de 2013.

O Freixo ten un lugar moi importante na historia da construción naval en madeira en Galicia, alí chegou a haber máis de 40 estaleiros na zona e hoxe en día segue a ter varios en activo. A isto hai que engadir que o fondo de ría é unha das máis importantes zonas marisqueiras, especialmente de berberecho.

Terra de Outes é unha asociación que ten unha longa traxectoria, e unha demostrada capacidade organizativa, ao que hai que sumar a experiencia que achegan as outras entidades da Federación (Mar de Noia, Joaquín Vieita, A Ostreira de Abelleira, Mar de Muros e Canle de Lira). Por outro lado, todos os grupos municipais do Concello de Outes mostraron o seu acordo no Pleno e o Alcalde fixo compromiso por escrito dunha achega económica. A isto hai que sumar o apoio da Confraría de Noia, e a implicación das asociacións de Outes (veciños, hostaleiros, etc.)

Cando chegue xullo, os nosos barcos poñerán rumbo ao Freixo. Convidamos a todas as persoas que se interesan polo mar e os rios a que nos acompañen neste XI Encontro. Celebraremos xuntos o vixésimo aniversario dos Encontros (o primeiro foi en Ribeira en 1993) e o aniversario da creación hai vinte anos da FGCMF.
 


View O Freixo – Outes in a larger map

(Imaxe )

6 cometarios sobre “O XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia será no Freixo – Outes en xullo de 2013

  1. Parabens a candidatura e dende hoxe que reciba o apoio de todos os que nestes tantos anos levan amosando o esforzo solidario que tanto ten caracterizado as asociacións -e as súas xentes- da FGCMF.
    Saúde

  2. pareceme moi ben que o alcalde fixera un compromiso por escrito,
    despois do sucedido en Carril e Vilagarcia, esta visto que as palabra levaas o vento mareiro je je je.

  3. Des de la costa oriental de Galicia (Costa Brava) estamos a la espera de conocer las fechas para reservarnos en la agenda esos dias como inamovibles. Salut!

Comments are closed.