Os colectivos federados en Culturmar, reunidos en asemblea o sábado 15 de outubro, decidiron por unanimidade ratificar o proxecto presentado pola Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros para celebrar a decimosexta edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia no porto de Sada entre os días 3 e 6 de agosto de 2023.
A proposta ven acompañada do apoio unánime da Corporación Municipal sadense e de diversas entidades da vila relacionadas co mar como a Confraría de Pescadores de Sada, a asociación cultural Eres de Sada si… ou o clube deportivo Alamar.
Na presentación do proxecto Os Patexeiros destacaron as inmellorabeis características da Ria de Sada para a navegación, así como a ligazón histórica da vila coa cultura mariñeira, cuxo máximo exponente foi a frota patexeira que en tempos pasados abonou con este crustáceo os campos de toda a comarca.
Pola súa parte, a Xunta Directiva de Culturmar agradeceu ao colectivo a predisposición a asumir a organización do evento, que volta ás Rías Altas despois de 16 anos; desde que en 2007 a novena edición se celebrara en Ferrol.
Nos próximos meses iremos coñecendo máis detalles sobre o programa de actividades do XVI Encontro.