Onde invernar os barcos?

Moitos dos nosos barcos pasan o inverno en terra, sobre todo os máis pequenos porque están varados ou fondeados no verán. Algúns dos grandes tamén pasan o inverno en terra porque non é posible telos a resgardo dos temporais.

Moitas das asociacións da FGCMF teñen problemas para dar acubillo aos seus barcos. Cando son poucos repártense en pequenas naves, garaxes particulares, etc. Pero cando son moitos a cousa complícase bastante. As asociacións normalmente non poden facer fronte aos prezos que se piden por naves preto do mar.

Neste momento a ACD Dorna está a buscar con urxencia un lugar onde invernar os seus máis de 50 barcos de 17 tipoloxías distintas e de variadas esloras. Unha parte moi significativa e importante do patrimonio marítimo galego.

Hai moito tempo, anos, que Dorna busca ese local. Ata agora os seus barcos pasaban o inverno na nave dunha antiga conserveira en Vilaxoán cedida gratuitamente polo seu dono, pero ameaza ruína e xa non é segura cando cheguen os temporais.

Logo de longas conversas, o Concello da Illa de Arousa cedeu o terreo necesario para construír unha nave para deportes náuticos, especificamente piragüismo e navegación tradicional, e a Deputación de Pontevedra comprometeu o financiamento necesario. Pero como mínimo ata o 2015 non estará rematada.

Nestes días Dorna e o Concello da Illa están buscando con urxencia locais que poidan dar amparo á súa flota antes de que chegue o primeiro temporal, que xa non tardará moito.

No novo blog da ACD Dorna poderedes seguir as noticias sobre a invernada dos seus barcos.

Na prensa:
Faro de Vigo (15-10-2013)
Faro de Vigo (13-10-2013)
La Voz de Galicia (13-10-2013)