Un acto que consta de dúas partes vai desenvolverse este venres día, 11 de febreiro, no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira, con inicio ás 20.00 h. No mesmo haberá unha palestra arredor do naufraxio do Santa Isabel, e outros episodios marítimos que tiveron como tráxico escenario A Ría de Arousa. O historiador, especialista en naufraxios, Xosé Luís Moar; a presidenta da Confraría da Dorna, Sara Sevilla; o editor e investigador, Antón Mascato; e o escritor e economista Exidio Cuíñas, cambadés e directivo da Escola de Vela do Clube Mariño do Salnés, participan neste encontro cultural no que tamén se presenta a obra “As gotas de mercurio”, o novo libro do escritor mencionado.
Exidio Cuíñas, é economista e master en desenvolvemento local, realizando o seu labor profesional en diferentes proxectos relacionados co turismo mariñeiro do Salnés; sendo unha das figuras máis salientables dos que traballan arredor do patrimonio marítimo cultural. A súa primeira incursión na literatura levouno a publicar a novela “Salgadoiro de queixo e mozzarela”, no ano 2009, mantendo activo o blog “boudevara” e escribindo diferentes poemarios aínda inéditos.
“As gotas de mercurio” é unha novela, longa, posiblemente a gran obra narrativa do sistema literario galego de cantas se fixeron no val do Salnés; en máis de setecentas páxinas desenvolve unha viaxe cara ningures que comeza co afundimento do “Santa Isabel” no arquipélago de Salvora, e continúa coa fuxida que emprenden dezaoito homes a bordo dun pesqueiro, o “Novo Endem”, e que cincuenta anos despois devolve ao neto dun deles, Demetrios, á terra do seu avó, Abel. A través desta traxedia mariña e da fuxida por mar asistiremos a unha ficción trufada de realidade, na que a personaxe principal participa na resistencia francesa á invasión nazi, na da loita de liberación arxelina e entregarase á militacia antifascista na Grecia dos coroneis.
A novela desenvolve unha trama de misterio, valentía e coraxe cívico, co pano de fondo dos diferentes mares europeos, que percorre os principais acontecementos históricos do século XX, dende a guerra de España, a mundial, e a de liberación da Arxelia colonizada por Francia, ata a construción do Transahariano, ou conflitos bélicos e políticos en Gracia e Turquía. Unha novela que remata por ser unha maxistral lección de historia e un alegato a favor da vida.