Os temporais destas semanas pasadas removeron a area da praia de Santa Comba (Covas) e puxeron ao descoberto os restos dunha embarcación de madeira de aparente antigüidade. Foi a Sociedade Cultural Columba de Covas quen alertou do achado e o puxo en coñecemento da Xunta de Galicia para que tomase as medidas oportunas.
Este pecio, que era coñecido dos veciños da zona porque ten aparecido anteriormente cos temporais, neste momento corre un serio risco de destrución polo efecto do mar xa que está moi ao descuberto (vese a contraquilla). Segundo as últimas informacións parece que un arqueólogo da Xunta visitou o pecio e é posible que a Xunta estea buscando a forma de excavalo, ainda que non hai confirmación.
No grupo de Facebook Naufragios están a falar sobre este pecio, entre outras persoas Miguel San Claudio, un dos maiores especialistas de Galicia en arqueoloxía subacuatica, e Fernando Patricio, investigador de naufraxios. Pola información ofrecida non está clara a orixe nin a datación do pecio, que nun primeiro momento se pensou que podía ser un trincado pero que a espera dun estudo minucioso parece ser de época post-medieval.
Na páxina da Sociedade Cultural Columba hai unha boa colección de fotos do pecio e enlaces á noticia nos medios de comunicación
(Imaxe: Sociedade Cultural Columba)