Paseo da Seara. Charla informativa. Moaña

Sueste organiza o vindeiro venres 11 de abril ás 20:00h unha charla informativa sobre o proxecto de paseo marítimo da Seara (Moaña) do que xa falamos hai uns días. Esta charla pretende dar a coñecer á veciñanza de Moaña os detalles dos proxectos para o paseo e como afectarían ao patrimonio da zona, especialmente aos dous estaleiros que hai alí.

Na charla intervirán Pablo Martínez, presidente de Sueste, Víctor Fernández, representante da FGCMF, e Juan Fernández Rivas, arquitecto e autor dun dos proxectos para a Seara.

A charla terá lugar no estaleiro de Casqueiro, un dos ameazados polo paseo. Este estaleiro é propiedade dos irmáns Pedro e Gonzalo Riobó Costa (arriba na foto con membros de Sueste), quen en 2009 asinaron un acordo con Sueste para cederlle parte do espazo do estaleiro para as súas actividades de recuperación de embarcacións tradicionais. As persoas que asistan poderán ver como son as instalacións, e o traballo que se desenvolve nelas para protexer e difundir o noso patrimonio marítimo.

Xunto a charla haberá unha exposición de paneis informativos sobre o paseo, que se poderá ver tamén os días 12, 13, 18, 19 e 20 de Abril.