Presentación de “A Borneira”, de Antonio Graña Graña

O próximo xoves 14 de abril, ás 12h30, terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Cangas a presentación do libro de Antonio Graña Graña “A Borneira. Naufraxios e guerra de Cuba”, editado pola A.C. Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas.

Reproducimos a seguir a sinopse que se pode ler na contracapa do libro.

A Borneira. Naufraxios e guerra de Cuba conta as historias que espreitaron os baixos da Borneira: naufraxios, a construción, ó seu carón, do Forte de Balea, co que o xen militar español pretendía a última hora a defensa das costas fronte ó potencial invasor gringo, dispois da esmagadora derrota militar e política en Cuba, Porto Rico, Filipinas, Guam… E o retorno das tropas, en situación calamitosa dispois do último puntillazo en Cuba.

Son historias entrañables e de gran forza emocional. As historias da xente común, o reverso das formas heroicas que os mandos e as oligarquías ocultaron. Moitas delas quedaron no silencio profundo das persoas que as viviron, moi especialmente as relativas á derrota de Cuba e o maltrato á clase de tropa que retornou -e a que non retornou-miserable, famélica, enferma e abandonada á súa sorte por parte dunha clase gobernante que apenas entendía a súa propia conveniencia e exaltaba, sen verdade, o seu absurdo sentido do honor e da gloria patria, honor que non incluía as arelas da vida das clases traballadoras.

Tamén é un tesouro de historias do mar, con quen aprendemos fortaleza e liberdade.


Data: xoves 14 de abril
Hora: 12h30
Lugar: Salón de Plenos do Concello de Cangas
Organiza: A.C. Memoria Histórica 28 de Agosto